blogligrafo de José Manuel Canedo Aguiar: noviembre 2009

sábado, 28 de noviembre de 2009

Casa falante


Fai moito que non á vexo. Lémbrome cando pasaba ó meu carón , sempre falaba comigo. ¡Hola ! ¿Que tal? Por aquí, por alá. Un día pregunteille "A donde vas Milagres?" " Ao xardín ¿queres vir comigo?" contesteille " Non eu son unha casa e non me podo mover".Ela gozaba moito no xardín. Vía os nenos-as pasalo ben nos arrandeadoiros, nos escorregadoiros( bambáns e tobogáns). Ela non podía, pois estaba nunha cadeira de rodas.
Outro día, un domingo, díxome "Vou a misa ¿queres vir comigo?" contesteille"Non, non podo ir a misa, non podo comulgar, son unha casa" e díxome "Hai casas que comulgan con rodas de muiño, ¡ os muiños!". É moi simpática e moi espontánea. É Milagres Cotelo Rama. Lembróuma Xosé Manuel de Marcial (que tamén é de Josefa). Contoume que foron xuntos a un cursiño de iniciación ao galego.
Xosé Manuel facía moito que non a vía. Son dun tempo. El lembrábaa. Ela lembrábao. Eran veciños, pero endexamais se falaron. Non por ela, a culpa era del. El era introvertido e vergoñento e pensaba que ela non falaba, que non vía, que non miraba. Pero ela mira, ve, escoita, fala, ri e ríalle as suas gracias no cursiño, e dicía :"É meu veciño". Naqueles tempos ter unha persoa discapacitada era tabú, agochábana na casa e vergoñábanse de ter unha persoa con minusvalía.
Neste caso non. Sacábana todos os días. Turnábanse os pais e os irmáns a empurrar aquela cadeira de rodas.Ten unha minusvalía case que do cen por cen, só move un pouco as mans, ten uns ollos saltóns,un sorriso, unha risa, unhas gañas de vivir... Xa digo ten minusvalía no corpo, pero ten moita plusvalía na cabeza. Con aquelas mans logra facer proezas con pinturas, lenzo e pinceis. É unha artista. É o personaxe mais salientable dá CASILLA.
Estou vendo fume aló ao lonxe, paréceme Manolo ó Varrendeiro, tamén chamado Barrié, outro personaxe peculiar dá Casilla. É a súa faria á que bota fume. Ven empurrando unha cadeira de rodas, nela ven Milagres. Dígolle "¡Hola Milagres!¿Canto tempo sen verte?" e contéstame "Díxenlle ao meu pai, que tiña gañas de voltar ao meu barrio, de voltar a Casilla, chámanlle así por ti, porque es unha casa de peóns camineros. E quí estou"
Dígolle "Sentín dicir que es unha artista, e dixéronme que tiñas moita man coas casas ¿Fasme un retrato?

viernes, 27 de noviembre de 2009

Forza Xiria


Esta tempada o Xiria Basket escomenzou perdendo varios partidos.Fai uns venres fun para a cama e durmindo soñei que ía polo deserto e que atopei unha lámpada máxica, fregueina, e saíume o xenio. Dixome "Pídeme tres desexos" e pidinlle "Que gañe o Xiria, que gañe o Xiria e que gañe o Xiria ". Espertei, lin o xornal e vin que había posibilidades que Bruno Piñeiro, que xa estivera con nos fai anos, debutase co Xiria Basket. E convencinme, que íamos gañar.
Gañamos, e aquela noite, durmindo, voltei a soñar. Soñei que estaba no deserto e atopei unha lámpada máxica, fregueina e saíume o xenio, saíume Bruno Piñeiro e díxome " pídeme tres desexos" e pidinlle " que o Xiria teña sponsor, que ti non marches do Xiria e que ti non teñas mal xenio".Temos esponsor (grazas Calvo), temos un bo plantel, temos un bo entrenador, temos ó revulsivo e temos unha boa afeción. Estamos todos, Cambón e Añón tamén están. Eu vexoos, eu sintoos eu escoitoos. No ceo debe haber unha boa cobertura.¡FORZA XIRIA!

domingo, 22 de noviembre de 2009

O meu Barrio


Pertenzo a un barrio dos arrabaldes de Carballo. Un barrio que tiña personaxes moi peculiares nos anos 1960-1970. Escomenzo por o zapateiro, Manolo Pelolo. Unha gran persoa, moi entrañable, tiña sempre a zapatería chea de nenos. E contáballes moitas historias e aventuras.Tiña os pantalóns caídos com os de catinflas e como a xuventude de agora. Pero ainda mais caídos os tiña cando ía a facer as súas necesidades á corredoira que levaba ao Anllóns. Metía a cabeza na matogueira para que non o coñecesen. Pensaba que as partes de atrás eran todas iguais. Outro personaxe moi querido era Chucho de Penedo. Tiña un Ultramarinos ¡Que bocadillos de sardiñas!. Alí xogabase ao xadrez, a ra, as cartas e mercábase case que de todo ¡Ata sen cartos!. A súa frase mais usada era "Xa me pagarás". Outro era Manolo Mustafá. Mustafá Chispumbumbá así lle chamaban. Estabamos moi ledos que vivise alí de día, pero de noite non, pois púñase a tocar a horas intempestivas. Era solista, saxofonista, trompetista, armoniquista, baterista, guitarrista, manager,director de orquesta, conductor do trailer, bueno da moto con remolque, era recebidor de tomates, de ovos e de terróns. Vou a contar unha anécdota de Mustafá: Chucho do Allo tiña unha taberna ambulante e organizaba algunha que outra verbena, chamóu a Mustafá. Mustafá ante a concurrencia dixo " Coidado, coidado con los torrones, porque se no se lo dijo a Chucho del Ajo". MUstafá era un inventador,foi dos primeiros en ter unha televisión en cor. Con tres plásticos transparentes de cor vermello, azul e verde ben tensos nun marco e este acoplado a televisión de branco e negro, Mustafá tiña unha televisión a cores. E quédame o último, Ernesto de Canaveiras. Ernesto tiña unha sala de xogos, que digo, tiña un pavillón deportivo. Alí xogábase ao pin-pong, ao billar, ó futbolín e ó baloncestolín. ¿A que poucos vos lembrades do baloncestolín?.Era como o futbolín, acristalado, con cinco bonecos de cada lado. diante de cada boneco había unha trampiña que se accionaba con un mando (todo mecánico, todo manual, nada electrónico). As trampiñas estaban nun terreo descendente e a bola ía a parar alí. Accionabas o mando e a bola voaba cara a canastra. Según a forza que lle diras ó mando a bola entraba ou non. Lembrome dunha anécdota nos futbolíns de Ernesto: Suso o Tranquilo e Xoán o Pispiso xogaban contra Xoán de Ramona e Xosé Manuel de Marcial. Xoán e Xosé Manuel gañaban e con unha gran euforia Xosé Manuel dixo:"¡Somos os peores! e Suso o Tranquilo,nada tranquilo, dixo:"¡ Iso hai que velo!. Ernesto era un home adiantado ao seu tempo. Vendía condóns cando estaban prohibidos. Era a única solución para que as mozas dos pobres non tivesen fillos. As dos ricos ían a Londres a abortar. Os dereitologos non é que estean en contra do aborto, están en contra de que todo mundo poida abortar. Ernesto non vendía a pílula do día despois, vendía o condón do día antes. Xosé Manuel de Marcial comproulle un e ainda o ten. Dada a miña inmobilidade, non puden ser testiga de estas historias. Contoumas Xosé Manuel de Marcial, que agora vive en Sofán pero é da Casilla. Este é o meu barrio. Chamanlle así por a casa de peóns camineros que alí hai. Eu son esa casa. Eu son a Casilla.