blogligrafo de José Manuel Canedo Aguiar: Tres metas

sábado, 20 de noviembre de 2010

Tres metas

Tres metas tiñamos Tito de Ernesto, Xoan de Ramona, Suso de Chucho e mais eu cando tiñamos 10-12 anos: saber andar en bicicleta, saber nadar e saber bailar.
Eu a nadar ainda non aprendín, daquela non había piscinas e ao río non me deixaban ir, a andar en bicicleta aprendín malamente, nunha de muller que non tiña a barra dende o sillín ata o manubrio, daquela o Papá Noel non existía e os Reis, pola Casilla, traían poucas bicicletas, e a bailar, como non había clases de baile de salón, movía os pes ao ritmo do baixo e a daba moitas voltas. Algunha chica dicíame que non tiña falta de ir aos caballitos nin nás cadenas coas voltas que lles facía dar.
O de dar tantas voltas acabouseme aquel día, bueno aquela noite, ná que quitei a bailar a unha chica, non moi alta, na festa da Pilarica en Carballo, o adro estaba na plaza onde está a escola de Pazita. O chan do adro estaba costa arriba se mirabas para arriba e costa abaixo se mirabas para abaixo, atopei a chica costa arriba. Cando nos puxemos a bailar ela dábame por debaixo dos ombreiros, pero cando lle din a volta, dábame pola barriga. Din a volta rapidamente e nese intre aprendín a mover os pes sen dar voltas.
Teño 51 anos, os meus compañeiros acadaron as tres metas, pois son mais espabilados ca min. Eu teño ainda duas desas metas: bailar e nadar, pois ando na bicicleta da muller. Estou indo a clases de natación. Xa levo un ano e ainda non sei aboiar. Tiña pensado ir a clases de baile así que saiba nadar, pero vaime levar moito tempo. Así que o outro día pregunteille ao monitor:" ¿Pódesme aprender a natación sincronizada?, porque así aprendo a nadar e a bailar ó mesmo tempo". Ainda non me contestou pois non parou de rir.

1 comentario:

  1. ...Tito de Ernesto tamén había de dar ben voltas, O que pasa que ti recoñeces que as mareabas con tantas voltas, e el non lle daba voltas para pensar que as tiña mareadas polo bonitiño que era.
    O que non entendo e por que te avergoñabas da túa barriga, digo por que era o que ela vía cando ti mirabas cara abaixo...por eso dabas tan rapidiño a volta non?
    ...e por certo, si a muller che deixa montar na súa bici, xa podes nadar de contento, que a mín a miña (que non é miña) non me deixa. A ver si é por que non a ten!.

    ResponderEliminar